Thursday 02 de May de 2024

O concello de Ribeira programa dez obradoiros sobre o Camiño Xacobeo para rapaces de seis a doce anos


O xoves da semana que vén, 8 de outubro, e mais o xoves e venres da seguinte, 15 e 16 de outubro, Ribeira vai albergar uns obradoiros sobre o Camiño de Santiago para rapaces de 6 a 12 anos que se van celebrar na primeira planta do Mercado Municipal.
Trátase dunha iniciativa promovida polo Concello de Ribeira co apoio do programa Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, posto que a proximidade do Ano Xacobeo fai conveniente que as persoas máis novas de Ribeira se acheguen ao coñecemento sobre o Camiño de Santiago. A importancia cultural e social do Camiño de Santiago, e como marcou o desenvolvemento de Galicia é un feito que debemos coñecer, e que mellor modo de facelo que nun ambiente lúdico e participativo como se promove nestes obradoiros.
Este é o calendario:

 8 de outubro, xoves: 4 obradoiros de 45 minutos ás 16.00 h, 17.00 h, 18.00 h e 19.00 h
 15 de outubro, xoves: 3 obradoiros de 45 minutos ás 16.30 h, 17.30 h, 18.30 h
 16 de outubro, venres: 3 obradoiros de 45 minutos ás 16.30 h, 17.30 h, 18.30 h
Cómpre realizar inscrición previa en normalizacion@ribeira.gal (nome e apelido dun adulto responsable, teléfono de contacto e nome e apelidos do menor). Cada obradoiro pode ter un máximo de cinco asistentes.